miércoles, 10 de junio de 2026

VERÁN LECTOR

Nesta entrada presentámosvos as nosas recomendacións lectoras de verán. Noutras edicións incluíase variedade de xéneros de ficción e libros de non ficción ou informativos, en lingua galega e castelá. Nesta edición decantámonos por traer novidades narrativas en galego.

Ler no verán é un pasatempo ideal para os momentos de calor ou descanso, sen a presión das obrigacións escolares. Estimula a nosa imaxinación e desconéctanos das pantallas.

A lectura é a mellor ximnasia mental e reserva cognitiva que temos. Axúdanos a viaxar a outros mundos, vivir outras vidas, recrearnos en personaxes e chegar a sentir o seu medo, alegría ou adrenalina.

Neste verán vaite sempre acompañado ou acompañada dun bo libro.




 

miércoles, 29 de abril de 2026

OS CONTADORES DE HISTORIAS - 2º Ciclo

Esta última quincena do mes de abril, o alumnado de segundo ciclo animouse a contar  historias na biblioteca a outros grupos de nenos e nenas, para avivar neles e nelas a faísca da narración oral.

Os alumnos e alumnas de terceiro contaron o conto popular "A pulga e o piollo", coñecido pola súa estrutura acumulativa, onde varios animais axudan á parella para casar a pesar de non ter diñeiro. A súa representación teatralizada encantou e provocou os risos do alumnado de segundo.



Por outra banda, o alumnado de cuarto organizou unha sesión de contacontos, conformada por sete intervencións diferentes, dirixidas ao alumnado de sexto de Educación Infantil.




















martes, 21 de abril de 2026

SEMANA DO LIBRO

Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro (23 de abril), levamos a cabo no centro a Semana do Libro, que converteremos en quincena levando a cabo tamén actividades de lectura a última semana do mes do abril.

Para a celebración desta semana ao redor do libro organizamos unha serie de lecturas noutras aulas, dramatizacións e narracións orais ou contacontos.

 



Por outra banda,  pensamos nunha actividade para facer partícipes ás familias, a través dun menú de libro ou literario, no que cada membro da familia debe facer constar aquel libro que marcou a súa infancia ou sobre o que albergan máis anécdotas.

 


 


















O CAMBIO CLIMÁTICO

Dentro do Proxecto Documental Integrado (PDI) "Da Terra ao Universo", o alumnado de 4°EP centrámonos no "Cambio climático", traballo relacionado co levado a cabo no primeiro trimestre sobre  "Clima e ecosistemas".


A investigación e exposición dos traballos realizouse partindo do coñecemento dos procesos produtivos e do impacto da Revolución Industrial, así como da actividade "Un mar de cambios", centrada en concienciar sobre a importancia de evitar o quecemento global e a perda do equilibrio biolóxico e ecolóxico que aseguran os 13 °C.

Os traballos desenvolvéronse en grupos de 4 - 5 persoas, partindo da consulta de fondos  da biblioteca escolar, especialmente de dous libros:

 

 


Os traballos murais e as exposicións trataron aspectos complementarios entre si como: a importante do equilibrio do planeta, que son os gases de efecto invernadoiro (GEI), porque a auga é fundamental nos ciclos bioxeoquímicos, como a Revolución Industrial cambiou todo e a partir dela falamos dos gases de efecto invernadoiro producidos polos humanos, a importancia de coñecer como xorden os alimentos que consumimos e o camiño que percorren desde a súa orixe ou como podemos actuar para combater o cambio climático.

Aquí deixamos unha pequena mostra da actividade:

 

 

 



jueves, 9 de abril de 2026

Visita da escritora Sabela Fernández Trelles

O venres 10 de abril, contamos coa visita da escritora Sabela Fernández Trelles, coa que conversamos sobre o libro "A miña avoa, a miña heroína".


Previamente limos a obra e preparamos varias preguntas, deixando aquí algúns exemplos.

  • Este libro está baseado nun feito real?
  • Quen ou que che inspirou esta historia?
  • Veste reflectida na protagonista? 
  • Se tiveses que cambiar o título do libro, cal sería e por que? 
  • Para ti a túa avoa foi unha heroína?
  • Gustábache ler e escribir cando eras pequena? Que escribías?
  • Cal foi o teu libro favorito na túa infancia e cal é hoxe por hoxe? 
  • A cantiga que inclúes na páxina 50 é  túa ou é de tradición oral e propia de pobos mariñeiros? 
  • Dous libros que escribiches cal é o libro que máis che gusta e por que? 
  • Tendo en conta o penúltimo capítulo do libro, no que a avoa dá unha serie de consellos a Laura, que consellos darías á mocidade?


Dá súa vida e obra destacamos os seguintes feitos:

 


A continuación, compartimos convosco un PDF fotográfico, que integra as instantáneas da actividade.


 


lunes, 23 de marzo de 2026

A SUSTENTABILIDADE

Nesta entrada compartimos o traballo do alumnado de 6ºA, enmarcado dentro do Proxecto Documental Integrado (PDI) "Da Terra ao Universo", centrado no coidado do planeta Terra.

Cada alumno/-a elaborou unha maqueta dunha cidade sostible como produto final. Ao longo do proceso de elaboración, o alumnado  aprendeu hábitos que protexen o medio ambiente,  aseguran recursos para o futuro e mitigan o cambio climático.

 




 

O SISTEMA SOLAR

Presentámosvos o traballo realizado  polo alumnado de primeiro ciclo, enmarcado dentro do Proxecto Documental Integrado (PDI) "Da Terra ao Universo", proxecto que lles permitiu profundar no coñecemento do Sistema Solar.

O alumnado, guiado polas súas titoras, aprenderon: que é o Sistema Solar, a súa composición, os planetas que o integran e a súa distancia respecto ao Sol, as características de cada planeta, as particularidades da Terra, que son os satélites naturais e como se chama o satélite da Terra, en que consiste unha viaxe espacial, a formación dos astronautas e o seu traballo na Estación Espacial Internacional.

Agradecemos que compartan e difundan os seus coñecementos, a través deste pequeno resumo en formato PDF e a modo de libro dixital.

 

jueves, 5 de marzo de 2026

UNHA VIAXE POLO UNIVERSO

O alumnado de 5°EI investigou o Universo da man das súas titoras. Os alumnos/-as de 4 anos A e B realizaron unha viaxe polo coñecemento espacial dentro do proxecto documental integrado "Da Terra ao Universo". 

Para coñecer máis sobre: as galaxias, o Sistema Solar, os planetas, a Terra, os satélites naturais, as fases da Lúa, as estrelas e as constelacións, os astronautas e os astrónomos...o alumnado de infantil consultou varios fondos da biblioteca escolar e outros achegados por eles mesmos, contando mesmo  cun libro convertible en foguete.

Levaron a cabo varios traballos: debuxos, composicións de foguetes con formas xeométricas, murais e maquetas.

Deixámosvos unha mostra en pdf do magnífico traballo conxunto de alumnado, profesorado e familias.


jueves, 19 de febrero de 2026

23F - Xogando cos versos de Rosalía de Castro

Con motivo da celebración do Día de Rosalía de Castro (1837-1885), cada 23 de febreiro as bibliotecas e a nosa comunidade énchense de actividades na súa honra.

Este curso celebramos o 23 de febreiro  cunha actividade de caligramas rosalíanos. A composición de cada caligrama nace dun poema de Rosalía ou dun par de estrofas, que crean unha imaxe visual relacionada co tema, fusionando literatura e artes plásticas. Nos caligramas rompemos coa estrutura lineal e practicamos escritura creativa xogando coa tipografía.

Deixámosvos unha pequena mostra do traballo realizado co poema "Has de cantar".






Vídeo elaborado coa aplicación Google Fotos de Android, acompañado do tema musical Communicator da propia aplicación.




Tamén acompañamos esta entrada co podcast informativo da celebración do 23F - Día de Rosalía de Castro.

miércoles, 11 de febrero de 2026

O ESPAZO (Aula mixta)

Nesta entrada mostrámosvos o traballo realizado polo alumnado da aula mixta  de Educación Infantil, centrada no estudo do Espazo e relacionado co Proxecto Documental Integrado (PDI) da Biblioteca Escolar (BE) "Da Terra ao Universo".

 

Durante o primeiro trimestre, o alumnado da aula mixta ampliou os seus coñecementos sobre o Sistema Solar, os planetas que o integran, a Terra e os seus movementos, a lúa e as súas fases, as viaxes espaciais e os satélites artificiais.

 

Coa axuda das familias, o alumnado presentou as súas maquetas e traballos, os cales ocuparon un lugar especial na aula.

 

Ao longo deste proceso, o alumnado puido reforzar todo o aprendido a través do xogo, dunha forma lúdica e motivadora. 

 

martes, 10 de febrero de 2026

Súbete ao Tren da Paz


Con motivo da celebración do Día  Escolar da Non Violencia e a Paz , data parella ao Día da Ilustración (impulsado en Galicia para homenaxear a profesionais do debuxo coincidindo co nacemento de Castelao).  No centro educativo expuxéronse varias actividades para fomentar  a solidariedade e o respecto aos dereitos humanos, promovendo a resolución pacífica de conflitos e a convivencia.


A continuación deixámosvos unha mostra da actividade realizada polo alumnado de segundo ciclo. Traballo consistente nun dicionario visual, presentado de maneira orixinal, en forma de vagóns que discorren por vías imaxinarias. Unhas vías que son o camiño cara á paz, da man dunha locomotora que todo o impulsa. Esa locomotora leva consigo vagóns cargados de palabras e significados moi relevantes na resolución pacífica dos conflitos, así como nas relacións humanas e de convivencia.












domingo, 8 de febrero de 2026

O UNIVERSO DE 5 ANOS B

 O UNIVERSO


Nesta entrada presentámosvos os magníficos traballos do alumnado  de cinco anos B, relacionados co Proxecto Documental Integrado (PDI) "Da Terra ao Universo".

 

Durante o primeiro trimestre, o alumnado de Educación Infantil achegouse ao coñecemento do Universo da man das súas titoras, a través da consulta e visionado de libros informativos e recursos dixitais.

 

O punto de partida do grupo de cinco anos B foi a figura da astronauta Valentina Tereshkova, primeira muller en viaxar ao espazo. A partir deste referente, enlazáronse outros contidos: o Sistema Solar, as constelacións, as viaxes espaciais, a investigación científica...

 

Este proxecto permitiulles compartir aprendizaxes e traballar de forma globalizada aspectos como:  a comunicación, a creatividade, a autonomía persoal, o traballo cooperativo ou a curiosidade polo mundo que nos rodea.

 

Agradecer a todas as familias a colaboración prestada e a implicación ao longo do proxecto.

 

                                                             PDF O Universo de 5 anos B



jueves, 18 de diciembre de 2025

DOAZÓN DE LIBROS

Coincidindo coa proximidade das festas do Nadal, creamos un punto de doazón, onde unha selección de libros expurgados quedou ao dispor do alumnado, dándolles unha segunda vida e promovendo a súa reutilización.

Expurgar libros nunha biblioteca é crucial para manter unha colección actualizada, relevante e accesible, asegurando que os fondos dispoñibles respondan as necesidades reais da comunidade educativa.

A doazón e o intercambio de libros van máis aló dunha simple transacción, son prácticas que comparten coñecementos e estenden o ciclo de vida dos materiais de lectura, fomentando tamén a sustentabilidade.







miércoles, 17 de diciembre de 2025

LECTURAS COMPARTIDAS

Ler noutras aulas ofrece múltiples beneficios: aumenta a motivación,  favorece o desenvolvemento de habilidades socioemocionais, incrementa o interese e a disposición dos estudantes cara á lectura.

A lectura compartida e a interacción con compañeiros/-as doutras aulas ou niveis fomenta a empatía e a comprensión das emocións propias e alleas. Tamén mellora as habilidades cognitivas e lingüísticas: A lectura, especialmente a compartida, fortalece o vocabulario, a fluidez lectora, a comprensión e o desenvolvemento da linguaxe oral.

Aquí deixámosvos unha mostra de lecturas compartidas, nas que o alumnado de terceiro le ao alumnado de educación infantil e primeiro ciclo de primaria.




martes, 16 de diciembre de 2025

UN BO NADAL CUN LIBRO NA MAN


Nesta guía "Un bo Nadal cun libro na man" recóllese unha serie de recomendacións lectoras que inclúen: álbum ilustrado, banda deseñada, poemarios e libros informativos en galego e castelán.


A tempada do Nadal, co seu ambiente de recollemento e tempo en familia, é ideal para a lectura.


No medio do trafego festivo, a lectura ofrece unha pausa, un momento de calma para evadirse, reflexionar e gozar dunha boa historia. 


A diferenza doutros agasallos, o valor dun libro non diminúe co tempo; gózase, relese e acompaña ao lector ao longo da súa vida.






jueves, 11 de diciembre de 2025

NOVEMBRO. MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025

Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Mocidade promóvese a celebración de novembro como o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas. Con esta celebración trátase de fomentar en todas as persoas, especialmente nos nenos e nenas, a curiosidade científica e o interese por aprender, así como demostrar que a ciencia non é só unha materia académica, senón que forma parte da nosa vida cotiá, desde a medicina ata a tecnoloxía que nos conecta.

Aquí deixámosvos unha pequena mostra de actividades científicas interesantes.

Experimentos en familia

Os  experimentos en familia transforman os fogares en laboratorios  de aprendizaxe divertidos e emocionalmente positivos,  estimulan a curiosidade e contribúen a habilidades  vitais como a observación, a lóxica e a creatividade.


Vídeo de Álex Vázquez Amigo


Vídeo Lara Recarey Arosa


Vídeo Xiana Ares Estévez


Experiencias científicas nas aulas

Enxertos de terceiro

O alumnado de terceiro observou como se realizan enxertos nas plantas. Descubrindo a súa importancia para lograr cultivos máis fortes, produtivos e adaptables.  



 


Maquetas de cuarto "Zonas climáticas e paisaxes terrestres"

O alumnado de cuarto elaborou unha serie de maquetas, que reflicten as paisaxes terrestres características de cada zona climática, creando ecosistemas como selvas exuberantes, sabanas con grandes herbívoros, bosques e praderías nas áreas tépedas ou paisaxes onde o frío é o protagonista como a taiga ou a tundra xeada, onde  as temperaturas e as precipitacións moldean a vexetación, fauna e relevo.

Presentacións de traballos dos ecosistemas en PDF, visibles e descargables en cada enlace.

Os bosques

Os desertos

Zonas de alta montaña

Os polos

A sabana

A selva





Mostra de células de quinto:

A creación de modelos celulares axuda a introducir  conceptos biolóxicos complexos de maneira concreta, a fomentar o pensamento científico e a valorar a vida a nivel microscópico.





sábado, 1 de noviembre de 2025

Mochilas Bibliorrato

Os libros gustan da viaxe e da sorpresa, agardan nos andeis ou nos expositores por esa man que, ao abrilos, poña en funcionamento a maxia da lectura.


As MOCHILAS VIAXEIRAS permiten á biblioteca escolar o contacto coas familias nunha actividade que pretende a súa colaboración na formación dos lectores e lectoras máis novos.


Este curso escolar, buscando un feedback máis directo das mochilas viaxeiras e unha mellor visión de conxunto de como aprecian as familias os contidos que se lles fai chegar, substituímos os nosos diarios mochileiros polo correo electrónico da biblioteca escolar. Esta é a imaxe que acompaña a todas as mochilas e que convida a achegar as propostas dunha forma máis inmediata, facilitando a colaboración e a comunicación familia-escola e lectores-biblioteca.




Día Internacional das Bibliotecas 2025

O 24 de outubro celebramos o Día Internacional das Bibliotecas, poñendo en valor o seu rol multifacético como centro de aprendizaxe que fomenta a lectura, apoia ao currículo e desenvolve habilidades esenciais para a vida. Proporciona acceso a recursos e é fundamental para desenvolver a alfabetización, o pensamento crítico e a cidadanía responsable.


Demos a coñecer á comunidade educativa o lema deste ano "Contra  a desinformación, Bibliotecas", así como o tema do traballo proposto pola Asesoría  de Bibliotecas Escolares, vinculado ao Deseño gráfico.


Imaxe enlazada co Ministerio de Cultura.
                                                                          Imaxe enlazada co Ministerio de Cultura


Imaxe enlazada coa web de Bibliotecas Escolares de Galicia




Para celebrar este día ao grande, realizamos un taller de elaboración de marcapáxinas personalizados cos nosos nomes.


viernes, 31 de octubre de 2025

Comezamos!

Bibliorrato Xalleiro comeza este novo curso promocionando a lectura, coa campaña  Un Samaín de Libro. Con propostas moi diversas, desde narrativa e teatro ata mitoloxía e etnografía.

A exposición temporal situouse na primeira planta, ao atoparse o centro en plena reforma integral.

Durante a segunda quincena do mes de outubro, ambientamos as diversas estancias do centro escolar e preparamos contacontos de relatos de medo, con certas pinceladas de humor e diversión. 


VERÁN LECTOR

Nesta entrada presentámosvos as nosas recomendacións lectoras de verán. Noutras edicións incluíase variedade de xéneros de ficción e libros ...